As bases de En Comú deciden a alcaldía de Barcelona
En Barcelona, a opción dun bipartito entre En Comú e PSC, con Colau con alcaldesa, cobra forza despois de que a propia rexedora en funcións pedise o apoio das bases para esta opción. Desde o independentismo xa dan por perdida a alcaldía. Maragall acusa a Colau de preocuparse só "polo trono" e o president Torra acusouna de pactar co establishment por aceptar os votos de Manuel Valls.
As bases de Barcelona en Comú comezaron a votar onte, e rematan hoxe pola tarde. Escollen entre entrar no goberno coa Esquerra de Maragall ou un bipartito co PCS con Colau como alcaldesa.
"Nun goberno municipal, a diferenza doutro tipo de gobernos, a alcaldía é moi relevante, non só a nivel simbólico, senón para impulsar as políticas que se queiran impulsar", argumentaba onte Ada Colau para solicitar, despois, esplicitamente o voto para esa opción. Dixo que o goberno co PSC, con ela como alcaldesa, será paritario pola forza equilibrada dos votos de cada partido.
Desde o PCS, Jauma Collboni, celebra a decisión "tanto da dirección de Barcelona En Comú como a propia señora Colau, que foi clara e diafanamente partidaria de facer esta vinculación entre investidura e a configuración dun goberno de coalición de esquerdas entre socialistas e comúns".
Pero as críticas a Colau arrecian desde o independentismo. Maragall acusouna onte de non precuparse máis ca pola alcaldía, "polo trono", dixo literalmente; e desde o Parlament, o presidente Torra recriminaba aos comúns por aceptar os tres votos de Manuel Valls: "É o voto da casta, si, do que representa ao establishment, o que representa o poder do Estado", dixo.
Ada Colau respondeu que os tres votos de Valls son uns apoios inesperados: "Debatémolo moito internamente e finalmente chegamos á conclusión de que estes tres votos son sen condicións, que non van modificar as nosas posicións sobre políticas de cidade nin de posicionamento sobre a xudicialización da xustiza".
A decisión final téñena as bases de En Comú e coñecerase esta tarde en canto rematen as votacións. Collboni e Colau confían en que se refrende o pacto, pero o PSC resérvase a opción de presentar o seu candidato se os resultados non fosen os agardados.