CRTVG

Buscar

As barras dos bares volverán a partir do 15 de setembro só en locais con medidas estritas

Publicado o 08/09/2021 13:19

• O establecementos de tipo 1, coas medidas de seguridade básica, terán unha ocupación no interior do 50 % e do 75 % no exterior

• Os de tipo 2 terán que cumprir máis requisitos e poderán chegar ata o 75 % no interior e ao 100 % no exterior

As barras dos establecementos de hostalería abrirán o próximo 15 de setembro, pero só nos locais que cumpran máis requisitos, entre os que se atopan facer probas periódicas ao seu persoal. Só poderán usarse de forma individual ou cun máximo de dúas persoas por grupo sempre que sexan conviventes.

As barras dos bares abrirán nos establecementos situados no tipo 2 do novo protocolo da hostalería, un novo modelo que non depende da incidencia do concello, senón que ten que ver coas esixencias que cumpren os locais. 

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo detallou en conferencia de prensa este mércores os requisitos e posibilidades para cada un dos niveis.

Novo protocolo

Os locais de tipo un terán as seguintes condicións e requisitos: interior ao 50 por cento, exterior ao 75 por cento de ocupación, distancia de 1,5 metros entre mesas, exposición pública de ocupación, medidor de CO2 con notificacións como máximo cada catro horas, máscaras cirúrxicas para o persoal e dúas horas de formación de protocolos contra a covid−19 para os empregados.

Pola súa banda, os locais do tipo dous, terán condicións máis duras ca os do tipo un; as esixencias impoñen que o medidor de CO2 debe facer anotacións constantes e recoméndase que salte o aire acondicionado de forma automática en caso de niveis máximos. Deberán dispoñer máscaras FFP2 para o persoal que o requira, deberán facer probas cada sete ou oito días, haberá rexistro de clientes e a distancia será de 1,5 metros interpersoal, non entre mesas. Neste caso, a ocupación será do 75 por cento en interior e do 100 por cen en exterior

En ambos os casos, o horario de peche será a 1:00 da madrugada. Que un local de hostalería sexa dun tipo ou doutro dependerá do "compromiso" coas medidas que estea disposto a asumir. 

Alberto Núñez Feijóo matizou que haberá un terceiro tipo, denominado "nivel de seguridade", que se activará se a presión hospitalaria se dispara ou se dan situacións que obrigan a activar a "alerta" sanitaria en concreto.   

O presidente da Xunta dixo que estas medidas nacen "con vocación de permanencia" e coa intención de que "ningún local teña que pechar" pola situación epidemiolóxica.

Na súa intervención, Feijóo tamén informou de que se vai negociar un novo protocolo para o lecer nocturno. Ademais, lembrou que o Goberno galego está pendente da resolución do Tribunal Supremo respecto do certificado COVID, que a Xunta quixo impoñer como requisito pero que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tombou.

Outras medidas

Ademais, a Xunta tamén aprobou a modificación doutras medidas de loita conta a covid−19. Nos eventos deportivos amplíase a ocupación ata un 40 por cento en interiores e a un 60 por cento en exteriores.

Nos próximos días tamén se prevé pechar un protocolo para os ximnasios, que, segundo Fejóo, será "moi similar" ao da hostalería.

Por último, o presidente da Xunta dixo que como mínimo ata o 18 de setembro seguirá en vigor a limitación do número de persoas que se poden reunir en espazos públicos ou privados, seis en interiores e dez en exteriores, e mais a prohibición de xuntanzas de non conviventes entre as 3:00 e as 6:00 da madrugada. 

Noticias web

08/09/2021