CRTVG

Buscar

As axencias de viaxes notan un incremento na demanda impulsada pola evolución da pandemia

Publicado o 27/05/2021 13:56

A demanda estival desbloquea a actividade nas axencias de viaxes. O alivio de restricións e o avance da vacinación contribúen ao movemento de clientes que preguntan sobre as condicións que necesitan cumprir de cara á época de verán, a principal fonte de ingresos das axencias. Na rúa, sobre todo, prima o turimo do país.

Comezamos a pensar nas vacacións. O alivio das restricións, o avance na vacinación e o bo tempo fan que as persoas que poidan ir de viaxe comecen a planificar que van facer. Nas últimas semanas houbo un aumento no interese á hora de contratar paquetes. Polo momento, a maioría son familias ou grupos de amigos que se atreven co turismo nacional.

Juán Rivadulla, presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, AGAVI: "Despois de quince meses de baixada continua e desaparición total dos clientes o feito que nos entren clientes pola porta da axencias xa é unha gran alegría non. Os galegos queremos o de sempre: as Canarias, as Baleares, a costa española...; destinos longos África, Asia ou A India están moi afectados e non se van recuperar. Algo no Caribe, Costa Rica, as Maldivas, destinos que se moven lentamente".

Mentres, o turismo de praia empeza a atopar saída, aínda que lonxe dos niveis de hai dous anos. Juán Rivadulla, presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, AGAVI: "A Galicia quere vir xente polo que temos, estes espazos naturais que favorecen que xente veña. Vai ser mellor para o sector dos hoteis, porque as axencias dependemos máis do estranxeiro".

As axencias din que, aínda que hai moitos elementos en contra, hai outros que están a favor, como a capacidade de aforro que tivo parte da poboación durante todos estes meses. Malia todo, aseguran non contratar máis do dez por cento das consultas que reciben.

Noticias web

27/05/2021