CRTVG

Buscar

Liberados todos os reféns do autobús secuestrado durante doce horas en Ucraína

Publicado o 21/07/2020 21:55

Todas as persoas secuestradas por Maxim Krivosh O Malo esta mañá na cidade de Lutsk, no noroeste de Ucraína, foron liberadas despois de máis de doce horas de cativerio. " Lutsk.Todos están a salvo", escribiu en Twitter o ministro de Interior ucraíno, Arsén Avákov.

Segundo a canle de televisión 112, o secuestrador foi detido e todos os reféns saíron ilesos. Pola súa banda, o Servizo de Seguridade de Ucraína (SBU), informou de que "efectivos do Centro de Operacións Especiais 'A' , xunto coa Policía Nacional, liberaron 13 reféns en Lutsk e detiveron o terrorista armado que secuestrou un autobús con pasaxeiros no centro da cidade".

Unha hora antes Krivosh liberou a tres secuestrados, un menor de idade, unha nova embarazada e unha anciá.

Krivosh, armado e pertrechado con explosivos secuestrou hoxe un autobús cunhas vinte persoas a bordo na cidade de Lutsk, no noroeste de Ucraína. O autobús, coa cortinas botadas, mantívose todo o día na praza do Teatro de Lutsk, que estaba rodeada pola Policía, que pedía á xente que se afastase da zona.

O viceministro do Interior ucraíno, Antón Gueráschenko, precisou que o secuestrador se presentou como Maxim Plojói O Malo cando chamou á Policía e que na rede hai un libro asinado por unha persoa co mesmo nome na que se describe a súa experiencia no cárcere e a súa visión da vida.

Ao longo do día os axentes negociaron co secuestrador para non poñer en perigo a vida dos pasaxeiros do autobús, que cubría o roteiro entre as localidades de Berestechko e Krasílovka cando foi interceptado. A cidade de Lutsk, cuns 220.000 habitantes, está a uns 60 quilómetros do vértice que forman as fronteiras de Ucraína con Polonia e Bielorrusia.