As autoridades investigan a celebración de festas ilegais na comarca de Vigo
Na comarca de Vigo investigan a celebración de festas ilegais en casas particulares e en establecementos de hostalería nas que non se cumpría coas medidas de seguridade. Cando faltan pouco máis de 48 horas para a noite de fin de ano, as autoridades fan un chamamento á conciencia cidadá, mentres policía e garda civil permancen en alerta.
Son imaxes que circulan polas redes socias. Nelas pode verse un considerable grupo de mozos celebrando unha festa en Mondariz sen máscara e con moitas apertas e sen respectar as medidas de seguridade. Os participantes mesmo chegan a pedir silencio, e baixan a música alertando da proximidade de axentes da Garda Civil.
Nas últimas horas a Policía Local de Vigo tamén denunciou unha cafetería en que se celebraba un aniversario. Os axentes atoparon 21 persoas, entre elas sete menores, de diferentes unidades familiares, que non levaban máscara e sen gardar as medidas de seguridade. O propietario do local nega os feitos, aínda que si recoñece que infrinxiu a restrición horaria.
Ante actitudes coma esta, as autoridades chaman á responsabilidade cidadá, e máis ante a proximidade da celebración de fin de ano.