As autoescolas de Lugo piden que se axilice o repintado das marcas viarias desgastadas
Boa parte das marcas viarias de Lugo levan anos sen ser repintadas. Segundo sinalan as autoescolas da cidade, isto pode dificultar a formación dos seus alumnos, ademais de resultar perigoso para o tráfico.
Ángel Méndez, profesor de autoescola: "As marcas viarias a verdade é que están moi deterioradas. Levan moito tempo sen se pintar e terían que facer un repintado. Sobre todo os pasos de peóns, que é o máis perigoso. Logo, á hora de examinárense os alumnos, as marcas viarias coma as de selección de carrís non se ven moi ben, pero tampouco vexo mnaior dificultade, aínda que para o resto dos condutores e para os cidadáns si que terían que repintar un pouco".
Para lle dar solución a este problema, as autoescolas luguesas piden que se axilice o repintado das marcas viarias. Tamén o despintado das marcas de obras, como ocorre cos pasos de peóns provisionais, que xa non son necesarios e que poden confundir os condutores.
Ángel Méndez, profesor de autoescola: "Sobre todo imos facer fincapé nos pasos de peóns que pintan de amarelo cando hai obras, porque desaparecen as obras e eles quedan aí eternamente, o que crea unha dificultade. Xa non sabes se pasar por un paso de peóns ou se polo outro. No Camiño Real en dez metros hai tres pasos de peóns, dous pintados de amarelo e un de branco. Entón un peón cruza por un lado, outro por outro e outro cruza no seguinte, e iso si que terían que estar pendentes de despintar esas marcas viarias unha vez acabadas as obras".
Dende a Asociación Provincial de Autoescolas sinalan que confían en que o repintado anunciado polo Concello se realice este mesmo verán. De feito, nalgunhas rúas xa comezaron estes traballos.