As asociacións xudiciais únense para pedir a renovación do CXPX sen "intereses partidistas"
Os xuíces repróchanlle á clase política a súa actuación na renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial. Nun comunicado conxunto, as catro asociacións xudiciais coinciden en criticar que o debate político arredor desta renovación sei fai con fins exclusivamente partidistas. A maxistratura está de acordo en que é necesario reformar o sistema de elección dos vogais, para que sexan elixidos polos xuíces. Cualifican de grave anomalía institucional a interinidade en que segue o órgano xudicial, din que se manteñen alleos a disputas políticas e comprométense a seguir traballando malia o bloqueo.
O PP interpreta este comunicado como unha nova chamada de atención ao Goberno para que modifique o sistema de elección do órgano de goberno dos xuíces, mentres que Podemos entende que as asociacións xudiciais cargan contra os populares.
Isa Serra, voceira estatal de Podemos: "Renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial para que deixe de estar secuestrado polo PP, que sexa un órgano con lexitimidade democrática. Tamén pensamos que hai que renovar o acceso á carreira xudicial cun sistema similar ao MIR".
Teodoro García Egea, secretario xeral do Partido Popular: "Cada vez o Goberno está máis só, máis illado da realidade. As asociacións xudiciais, a Comisión Europea... estanlle pedindo que non demore máis algo absolutamente necesario".