CRTVG

Buscar

As aeroliñas, exentas de pagar indemnizacións por voos cancelados en Peinador

Publicado o 09/12/2020 09:09

Un xulgado de Vigo acaba de determinar que as liñas aéreas non terán que indemnizar os pasaxeiros afectados polas numerosas cancelacións de voos que se produciron en Peinador en xuño de 2018 por causa da néboa.

Daquela, as brétemas impediron que operasen numerosos voos debido a que o sistema ILS, que permite a aterraxe e a engalaxe dos avións de maneira automática, estaba desconectado. Estábanse realizando melloras neste dispositivo e iso obrigaba a mantelo inactivo, así que, un episodio de néboa deixou sen actividade o aeroporto vigués durante varios días.

Calcúlase que case 20.000 viaxeiros sufriron as consecuencias deste problema e moitos deles emprenderon accións legais para reclamar indemnizacións. Pero a xustiza entende que os problemas derivados das condicións climáticas son fenómenos extraordinarios que non poden ser atribuídos ás compañías aéreas.

O que si determina a sentenza é que as aeroliñas deberán aboar os gastos derivados destas cancelacións, é dicir, manutención e aloxamento dos pasaxeiros afectados.

Noticias web

09/12/2020