CRTVG

Buscar

As administracións extremarán a vixilancia para evitar desmandos esta fin de semana festiva

Publicado o 13/08/2021 13:01
 EFE

As forzas de seguridade extremarán a vixilancia esta fin de semana festiva en Galicia dos lugares de lecer nocturno, a celebración de festas privadas e os botellóns, que están prohibidos, para evitar aglomeracións de persoas e incumprimentos nas normas de seguridade.

Así se acordou esta mañá nunha reunión telemática de coordinación entre o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, os mandos das policías locais das cidades galegas, e responsables da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica.

Segundo informa a Xunta nunha nota de prensa, os dirixentes autonómicos comentaron cos mandos policiais os diferentes escenarios para este fin de semana, á espera da resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre a obrigatoriedade de presentar o certificado covid para entrar nos locais de hostalaría en municipios con niveis máis altos de restricións.

Rueda instou unha vez máis á responsabilidade e lembrou que, mentres a maioría da poboación non estea inmunizada, as normas seguen sendo de obrigado cumprimento e que os axentes vixiarán, especialmente neste fin de semana, que se respecten as limitacións.Ademais, avisou de que incumprir as normas pode levar multas para os infractores, que poden chegar a 200 ou 300 euros por participante nos casos dos botellóns.

Por iso, ante esta ponte en que se prevén moitos desprazamentos e moitas festas en Galicia, as autoridades e os mandos policiais lembran a necesidade de seguir respectando as restricións e as medidas de seguridade ante a covid-19.

Rueda volveu a apelar ao "sentidiño" da poboación, sobre todo dos máis novos, aos que solicitou prudencia porque "independentemente de que estean ou non vacinados, as normas son para todos".

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade destacou varios factores que fan que esta ponte festiva sexa "perigosa", como son o bo tempo, as vacacións, as numerosas festas populares e unha "euforia" da xente xa vacinada cunha falsa sensación de seguridade. Advertiu de que aínda estamos en pandemia e que hai que ser prudentes porque, aínda que máis do 70 % da poboación diana está inmunizada, "o virus segue circulando e pode facer aínda moito dano".

Non se pode estar con máis de seis persoas en espazos pechados e con máis de dez no exterior, e ademais, de madrugada non se pode estar con xente coa que non se conviva: nin na rúa nin en interiores.

 

Noticias web

13/08/2021