CRTVG

Buscar

As adegas Gargalo, en Verín, destinan a Cáritas os ingresos das visitas guiadas

Publicado o 21/06/2020 19:32

Falamos dunha iniciativa que conxuga o viño e a solidariedade. Atopámola en Verín, nas adegas Gargalo, propiedade do deseñador Roberto Verino. Aí decidiron destinar a Cáritas a recadación de todas as visitas guiadas que se produzan nas súas instalacións ata finais deste ano. Un pequeno xesto, din, para axudar a paliar as consecuencias da pandemia da covid-19 na súa contorna máis próxima. 

A visita a esta adega é coma outras pero algo distinta. Coñecer os viñedos de Terra do Gargalo e probar os seus viños leva consigo un xesto solidario. Esta experiencia de enoturismo doa íntegramente a Cáritas Verín o custo da entrada: doce euros por persoa. E así vai ser ata finais de ano.

Esta iniciativa de enoturismo solidario enmárcase dentro do programa de Cáritas "Empresas con Corazón".

A adega xa comezou a recibir as primeiras reservas na súa páxina web, confían en ter máis dun milleiro de visitas ata que remate o ano. Un brinde desta volta solidario e comprometido, din, coa sociedade e a súa contorna.

Noticias web

21/06/2020