CRTVG

Buscar

As adegas galegas buscan mercado estranxeiro na feira Vinis Terrae

Publicado o 15/06/2021 20:15

Tras un ano especialmente malo pola pandemia, os viños galegos buscan mercado no exterior a través da feira Vinis Terrae, en Expourense. Alí acoden unhas 70 adegas e importadores doutros países que queren coñecer, de primeira man, as caracerísticas dos caldos galegos.

En inglés, o consultor vasco encargado da cata de 6 tintos premiados con acios de ouro, diríxese a medio cento de importadores que o seguen por streaming desde Canadá, os Estados Unidos ou Francia.

Javier de Blanco, consultor en exportación de viño: "Moitos non saben nin onde está Galicia, e explicámoslles a diversidade de climas, chans e tipoloxías de viños que ten".

En Vinis Terrae participaron 69 adegas, cada unha co seu expositor. Aquí atenden, persoalmente, aos importadores que acudiron á feira.

Xulia Bande, adegueira de Son do Arrieiro: "Nós, ao ser tan pequenos, non temos oportunidade económica nin de tempo para saír persoalmente, así que mellor que veñan eles a visitarnos".

O 50 por cento da última colleita quedou sen vender por mor da pandemia e os seus efectos sobre o mercado preferente dos viños galegos: hostalería e restauración, o que aviva o interese da feira.

Juan Casares, presidente do CRDO Ribeiro: "As adegas precisan empezar a ver a luz ao final do túnel, e Vinis Terrae ofrece esa posibilidade".

Segundo os datos da organización, na feira realizáronse preto de 700 citas de negocio con importadores de 25 países.

Noticias web

15/06/2021