CRTVG

Buscar

As adegas da Ribeira Sacra piden axudas para afrontar perdas dun 40%

Publicado o 29/03/2021 18:25

A exclusión do sector do viño no paquete de axudas directas do Goberno sorprende e preocupa os adegueiros galegos. Din que o peche da hostalería pola pandemia é un golpe do que será difícil recuperarse sen axuda.

Na denominación de orixe Ribeira Sacra, os adegueiros perderon preto do 40% das vendas pola parada da hostalería, sobre todo os máis pequenos, que son os que máis dependen desta canle de vendas. Agora teñen o excedente sen vender na adega e teñen que seguir gastando na viña, unha situación complicada para un sector estratéxico que non entende como puido quedar fóra das axudas para apoiar a solvencia económica das pequenas empresas na pandemia.

Sen bares ou restaurantes onde vender o viño, a maioría dos adegueiros da Ribeira Sacra quedaron sen o seu principal ou único cliente. Só algunhas grandes adegas lograron manter o negocio coas vendas nos supermercados e en Internet. Os demais quedaron coa colleita sen vender, pero os mesmos gastos de cada ano.

Consideran que son un dos sectores máis prexudicados pola pandemia e piden que o Goberno recapacite e os apoie con axudas directas para combater as perdas da covid. Do contrario, din, algúns quedarán no camiño. Reivindican o seu papel como motor económico do agro e como coidadores dunha paisaxe única, agora en perigo polo inesperado revés da pandemia.

Noticias web

29/03/2021