CRTVG

Buscar

Feijóo confirma a chegada de 18.000 doses da vacina a través do aeroporto do Porto

Publicado o 29/12/2020 16:54

Nas próximas horas, Galicia vai recibir as 18.000 novas doses comprometidas polo Goberno central. Acaba de adiantalo o presidente da Xunta, que dixo que mañá seguirán a vacinar ao ritmo previsto.

Espera o presidente da Xunta que o Goberno central dea subministrado doses suficientes. De momento non hai esas doses suficientes para comezar cunha vacinación masiva e cumprir cos obxectivo. A Alberto Núñez Feijóo chámalle a atención que as 18.000 que van chegar hoxe a Galicia veñan vía Portugal, xa que as enviaron ao aeroporto de Sá Carneiro da cidade do Porto. 

O Sergas contratou un servizo de conservación e transporte para as vacinas da Covid-19 durante todo o ano 2021. Lembran que cada dose sae e distribúese co nome da persoa que ten asignada.

Un novo envío con 18.000 doses xa está camiño a Galicia para seguir mañá a vacinación segundo o plan deseñado polo Sergas. A Xunta contratou por un importe de case 250.000 euros o servizo de almacenamento, distribución e loxística da vacina, para garantir que chegue nas condicións axeitadas aos primeiros inmunizados. Cada bote ten asignado o destinatario.

"As doses asígnanse nominalmente, por tanto, cada dose terá asignado o nome da persoa á que se lle dispensa na primeira vez e terá reservada a dose que se dispensa por segunda vez tres semanas despois", afirmaba o presidente da Xunta.

Alberto Núñez Feijóo tamén anunciou a contratación por dous millóns de euros de material sanitario contra a covid, entre equipos de protección e diagnóstico.

Noticias web

29/12/2020