CRTVG

Buscar

A Arxentina chora a morte de Maradona, o ídolo convertido en deus

Publicado o 26/11/2020 09:31

Centos de arxentinos saíron ás rúas de Bos Aires para despedir a Diego Armando Maradona, falecido aos 60 anos. O ambiente é de celebración, posto que moitos vían a Diego non só como o mellor futbolista da historia, senón tamén cómo o máis parecido a un Deus na terra.

A Casa Rosada vístese de loito. Os restos mortais de Diego Armando Maradona chegaron xa á sede presidencial, onde será velado, nas primeiras horas, pola familia e amigos íntimos.

Despois abrirase a un público xeral que xa acompañou o cadáver no seu traslado dende o depósito en que se lle practicou a autopsia.

Veneración nos estadios

A noite foi longa na Arxentina, que estará tres días de loito oficial. Non tardaron as convocatorias para amosar a dor dunha nación en espazos emblemáticos do país. 

E, como non, templos do fútbol. A cancha do Argentinos Juniors. A 400 metros está a súa primeira casa no barrio, onde se instalou para comezar a xogar en Primeira, con só 15 anos.

Na de Boca, apenas se soubo a noticia, montaron un santuario con candeas e flores. A súa figura, excesiva e xenial, contraditoria e brutalmente sincera, marcou o fútbol arxentino pero trascendeu o deportivo.

Hai sesenta anos naceu en Villa Fiorito. O seu falecemento atribúeselle, polo momento, a unha parada cardiorrespiratoria, no Country San Andrés, de Tigre.

Os seus problemas de saúde eran coñecidos; adiccións, sobrepeso e unha cirurxía hai tres semanas por un hematoma na cabeza. Aínda que ingresara, de primeiras, por un baixón anímico.

Marcha a persoa, coa lenda creada de antemán: Deus xa deixou a terra.

Noticias web

26/11/2020