CRTVG

Buscar

Arteixo é o segundo concello galego coa renda por habitante máis elevada

Publicado o 08/10/2020 14:16

O PIB do concello de Arteixo sempre foi moi elevado polo feito de acoller a sede de Inditex, pero agora sitúase tamén como o segundo concello galego coa renda por habitante máis elevada, só por detrás de Oleiros.

37 posicións nun ano. É o gran salto que deu Arteixo, que pasa de ocupar o posto 39 ao número 2 da táboa. 

"Non me sorprende. Iso xa sabiamos que ía pasar...", di unha veciña. "No negocio nótase", asegura unha comerciante.

Pero tamén hai quen di que estes datos da Axencia Tributaria non encaixan co perfil socioeconómico deste municipio.

"Eu non sei se caeron algunhas primitivas por aquí para que o cambio fose tan brusco", comenta un veciño.

"Non ves xente con gran poder adquisitivo. Eu vexo xente nova que está hipotecada e que traballa para mercar algo", engade unha comerciante.

Con todo, na rúa sospeitan a que pode deberse esta repentina escalada. "Claramente... iso é por Inditex", manifesta un veciño.

Desde o Concello din que están satisfeitos por ser os segundos de Galicia coa renda por habitante máis elevada, só por detrás de Oleiros, que segue encabezando a listaxe.

Apuntan a posibles empadroamentos de directivos ou altos cargos de empresas do municipio ou ben a que algún cidadán tivese ingresos superextraordinarios para explicar esta suba.

O terceiro lugar ocúpao Nigrán. Cómpre destacar amais que os dez concellos galegos coas mellores cifras están nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Noticias web

08/10/2020

Máis sobre Arteixo