Arrincan as festas de San Froilán, que finalmente conta con recinto feiral
Xornada de actividade frenética no recinto feiral de Lugo, co fin de que as atraccións poidan abrir as súas portas ao público canto antes. As barracas están repartidas pola contorna e polas costas do parque de Rosalía, con tres metros de separación entre posto e posto.
"A intención é acabar canto antes para empezar a traballar canto antes e facturar o antes que se poida. Houbo unha serie de contratempos, porque non é un San Froilán como todos os anos, polos problemas que houbo, pero o importante é que se levou a cabo. Hai que arrear pra montar o antes posible e que estea a feira lista para que poidan gozar todos e nós tamén poidamos traballar", di Mariano Gallego, encargado dun bingo.
"Apurados. Queremos abrir hoxe, pero non sei se dará tempo", sinala un feirante.
O recinto feiral terá puntos de acceso controlados en todo momento. No seu interior, non haberá este ano as tradicionais casetas do polbo, que foron substituídas por caldeiros exteriores distribuídos por toda a cidade. Neles, as racións venderanse a 14 euros, mentres que o prezo dos cachelos ou do pan será dun euro e medio.
"Hoxe xa é un día bo. Xa hai encargas, e a ver se se empeza a mover algo", conta Plácido Ruz, polbeiro. "Chamáronnos para aquí para traer o servizo do polbo, ao non haber casetas. E aquí estamos, a vender moito", relata Luís Armesto, tamén polbeiro.
Tamén haberá medio cento de concertos ao longo destes nove días de festa. Baiuca, Grande Amore, Tanxugueiras, Guadi Galego, Ángel Stanich, El Drogas, Manel ou Corizonas serán algunhas das bandas presentes nos distintos escenarios do San Froilán.
"Eu penso ir ao concerto de La La Love You. É un grupo que me gusta e sei algunhas cancións". "Para ir a algún concerto, pasalo ben cos compañeiros e tomar algo por aí", comentan varios mozos.
E haberá actuacións para os máis pequenos no San Froilán Miúdo, cun programa que será aberto na mañá do día do patrón de Lugo cun concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona.