CRTVG

Buscar

Arrinca hoxe a GaliciaSkills, a olimpíada entre o alumnado da Formación Profesional

Publicado o 05/10/2021 15:21

Nestas cociñas hoxe hai máis nervios do habitual. Compiten 5 alumnos de senllos centros da FP.

"De aquí vai saír o alumno ou alumna que nos vai representar no SpainSkills en decembro en Madrid", di Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza.

"Iso son palabras maiores, pero todo dirá, teño uns compañeiros que son moi bos tamén, entón...", conta Marina Suárez, alumna do CIFP Manuel Antonio.

Este ano a olimpíada da Formación Profesional cambia o formato. Pasa de realizarse nunha soa xornada en Silleda a repartirse en 4 días e entre 11 centros educativos. En total participan 50 centros de toda Galicia.

"Na última competición nacional que houbo, Galicia tivo oito medallas e temos que seguir apostando porque os alumnos se motivan moito", apunta Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade.

"Buscan descubrir o talento dos novos, buscan as capacidades e as competencias que un alumno pode desenvolver dentro do seu oficio, dentro da súa profesión", informa Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza.

Nesta proba que simula a recepción dun hotel deben demostrar á súa destreza e competencia lingüística. 

"Tiven que atender unha reserva telefónica en inglés, chama un cliente, dáche un suposto e ti tes que resolvelo coma se fose un día normal de traballo", conta Ana Otero, alumna do CIFP Carlos Oroza.

O GaliciaSkills mide as competencias dos alumnos, pero tamén dos centros de ensino e abre portas a un futuro laboral.

Noticias web

05/10/2021