CRTVG

Buscar

A campaña da renda chega co foco posto no cobro de prestacións por ERTE

Publicado o 07/04/2021 13:07

Desde o Colexio de Xestores Administrativos de Galicia recomendan revisar ben os borradores porque advirten de que máis do 95 % poderían conter algún erro, especialmente aqueles que incorporan datos novos a consecuencia das axudas específicas pola covid. É o caso dos traballadores que estiveron nun ERTE. O propio Goberno calcula que dos 3 millóns e medio de traballadores que estiveron en ERTE nalgún momento do ano pasado, uns 300.000 que ata agora non estaban obrigados a facer a declaración, este ano terán que facela.

É o caso de Samantha. Traballa nun centro de estética, pero o ano pasado botou tres meses en ERTE.

Samantha Gómez González, estivo en ERTE: "Todo o estado de alarma, ata maio, que nos deixaron empezar a traballar".

Ao ter dous pagadores, a propia empresa e mais o servizo público de emprego estatal, o SEPE, o límite máximo de ingresos para presentar a declaración pasa de 22.000 a 14.000 euros.

"Paréceme unha incoherencia, cando estivemos nun ERTE por unha forza maior, porque nos obrigaron, a min e a todos os que estiveron en ERTE", di Samantha.

Como o SEPE practicou retencións mínimas, o resultado pode ser a ingresar. Segundo publica hoxe o Boletín Oficial do Estado, poderase fraccionar en seis prazos mensuais.

Antonio Malingre Grande, do Colexio de Xestores Administrativos de Galicia, di que "non é que paguen máis impostos, senón que, en vez de pagalo en 2020, terán que regularizalo agora na declaración da renda, entre abril e xuño".

Os autónomos tamén terán que declarar, como rendemento de traballo, as axudas por cesamento de actividade. E outra novidade é o ingreso mínimo vital, implantado o ano pasado e que obriga a declarar a todos os beneficiarios na unidade de convivencia.

"Toda a unidade de convivencia do preceptor desa axuda están obrigados a facer a declaración da renda, co cal é moi probable que ata nenos menores de idade teñan que facer a declaración da renda", din desde o Colexio de Xestores.

Coma en exercicios anteriores, tamén hai que declarar as axudas do plan Renove, que poden chegar a cotizar ata un 30 por cento.

Noticias web

07/04/2021