CRTVG

Buscar

Espejo e Cuadrado abandonan o "núcleo duro" de Arrimadas en Ciudadanos

Publicado o 15/03/2021 12:37

O vicesecretario xeral de Ciudadanos, Carlos Cuadrado, e o seu adxunto, José María Espejo, decidiron abandonar este luns a Executiva Permanente do partido, o “núcleo duro” da presidenta, Inés Arrimadas. Porén, seguirán na Executiva Nacional da formación laranxa.

Esta é a primeira decisión que transcendeu da xuntanza do Comité Executivo Nacional de Ciudadanos na que moitos dirixentes do partido pedíranlle a ambos os dous políticos asumiren algunha responsabilidade pola errada moción de censura en Murcia.

Estas renuncias xa se viñan reclamando dende o desastre de Ciudadanos nas pasadas eleccións autonómicas catalás.

Agárdase, que nas próximas horas, a presidenta anuncie a remodelación dos dous órganos principais de dirección do partido, o Comité Permanente e o Comité Executivo. A crise en Ciudadanos fai tensa a relación co Partido Popular, ao que acusan de querer "comprar vontades" entre os integrantes da formación.  

Isabel Franco sentiuse "coaccionada"

A vicepresidenta do Goberno rexional de Murcia, Isabel Franco, asegurou este luns que se sentiu "coaccionada" polo vicesecretario xeral primeiro de Ciudadanos, Carlos Cuadrado, para asinar a moción de censura xunto ao PSOE.

En declaracións ao programa Espejo Público de Antena 3, manifestou que o seu cambio de opinión  non obedeceu a unha “cuestión persoal”, senón a un exercicio de “responsabilidade”.

Segundo Franco, continuar traballando co PP é “ser leal” ao documento que ela mesma asinou en xuño de 2019, “en representación de Ciudadanos”, para gobernar a Rexión de Murcia durante a presente lexislatura.

 

Noticias web

15/03/2021