CRTVG

Buscar

Arrimadas asume erros e lamenta que dirixentes de Cs marchen ao PP

Publicado o 15/03/2021 20:17

A presidenta de Ciudadanos, Inés Arrimadas, asumiu erros na súa xestión, o maior non saber explicar a situación "tan grave" que atravesaba o Goberno de Murcia, pero lamentou que dirixentes da súa formación abandonasen o partido, en alusión ás últimas fugas ao PP."Nós somos moi bos socios, pero moi malos cómplices", defendeu Arrimadas nunha declaración telemática este luns sen preguntas na que estivo acompañada polos membros da nova executiva permanente de Cs, que se amplía de sete a quince integrantes.

Executiva na que perden peso Carlos Cuadrado, que pasa outra vez a ocuparse das finanzas do partido, e José María Espejo, que queda como secretario xeral do grupo parlamentario. 
Tras asumir as equivocacións cometidas pola formación laranxa - "E tanto que cometemos erros", admitiu-, Arrimadas recalcou que neste momento de crise decidiu "ser valente e dar un paso á fronte", como sempre fixo, a última vez cando hai un ano asumiu a Presidencia do partido. E con ela, dixo, o resto dos seus compañeiros e o seu equipo, convencidos todos de que "nos momentos difíciles é cando hai que dar máis pasos á fronte", sobre todo porque hai "moitos españois" que cren no proxecto de Cs.

Unha formación que definiu como o "único partido de centro liberal limpo de España", que non busca inimigos e contra o que con todo hai unha "operación", denunciou, para tentar acabar con el porque é "incómodo". O seu principal argumento neste sentido é que "loitamos contra a corrupción, non a tapamos" e que, sendo "socios leais", non poden ser "cómplices" das prácticas corruptas.

Segundo Arrimadas, os seus compañeiros de Murcia "non podían máis" ante a situación que estaban a experimentar no Goberno de coalición da Rexión, con abundantes irregularidades e "casos horribles" de "fustrigación, sinalamento, ameazas e ofrecementos".Un panorama de corrupción que xustificaba a moción de censura presentada contra Fernando López Miras xunto ao PSOE e cuxa gravidade, segundo lamentou, non logrou transmitir debidamente aos españois.

En canto ás desercións de cargos do partido ao PP, sinalou que permiten "ver a diferenza entre os verbos ser e estar", porque "hai persoas que estaban en Cs, pero non son de Cs".Apostilou que este partido, igual que "tende pontes", loita contra a corrupción tanto "dun bando como doutro", a risco de que uns te chamen facha e outro traidor".

Ao defender a viabilidade do seu proxecto, Inés Arrimadas mostrouse preocupada polo risco de "polarización" política, pero non porque poida "destruír" un partido, senón porque pode "destruír a todo un país".E puxo a Comunidade de Madrid como exemplo desta "división"; neste territorio por primeira vez existe, alertou, o risco de que o "populismo" entre o Goberno rexional, o que fai na súa opinión "máis necesario" a Ciudadanos, concluíu. EFE

Noticias web

15/03/2021