CRTVG

Buscar

Arrimadas, ao contrario que Casado, está disposta a negociar os presupostos

Publicado o 02/09/2020 21:20

Pedro Sánchez continúa hoxe coa rolda de contactos para tentear os apoios aos presupostos. Xa conta coa negativa do Partido Popular a negociar tanto as contas como a renovación dos órganos constitucionais mentres Podemos siga no Goberno. A líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, manifestou tras reunirse co presidente do Goberno a súa predisposición a negociar uns orzamentos que sexan moderados. 

Dúas horas de reunión na Moncloa corroboraron o desencontro entre o presidente do Goberno e o líder da oposición. Pablo Casado rexeita rotundamente apoiar uns presupostos deseñados por PSOE e Podemos. Tampouco houbo acordo para a renovación de institucións públicas como o Consello Xeral do Poder Xudicial.

"Vin para arrimar o ombreiro e para arrimar o ombreiro hai que facelo sen mirar aos outros por riba do ombreiro, e hai que facelo tendo en conta onde se está apoiando o outro ombreiro e se o outro ombreiro se apoia nun partido radical, como é o caso de Podemos, cos problemas de financiamento irregular, de petición da república e de branqueamento de Bildu, faise máis difícil", dixo Casado.

Houbo, con todo, algún punto de encontro. Por exemplo, na creación dunha Axencia Nacional para a Reconstrución que xestionaría os fondos europeos ou nun gran pacto en materia sanitaria. No Goberno cualificaron de decepcionante a reunión.

A ministra portavoz do Goberno, María Jesús Montero, asegurou que "o PP segue instalado no frontismo, na confrontación e no non é non. O señor Casado mantén a actitude obstrucionista de bloqueo que leva mantendo desde o inicio da lexislatura, diría máis, desde a anterior moción de censura".

Máis entendemento se constatou na reunión de Sánchez coa líder de Ciudadanos. Inés Arrimadas confirmou a súa disposición a negociar co Goberno os presupostos e reclamou unha tregua política a todos os partidos ante a situación de crise económica e sanitaria.

"Vontade firme e real de sentar a negociar uns presupostos que sexan moderados, sensatos, que incorporen correctamente a axuda europea e, por último, que non teñan ideoloxías que sabemos que son contrarias ao que necesita este país e que non acaben repartíndoo entre Rufián, Otegui e Iglesias", concluíu Arrimadas.

No Executivo responden que é unha negociación orzamentaria non excluínte.
Ás dez e media da mañá, Sánchez recibe na Moncloa o voceiro de Esquerra, Gabriel Rufián, e ás doce e media, o voceiro do PNV, Aitor Esteban.

 

Noticias web

02/09/2020