CRTVG

Buscar

Arrancan os actos das Letras Galegas do ano de Xela Arias na súa Sarria natal

Publicado o 04/03/2021 21:48

Tal día coma hoxe, o 4 de marzo de 1962, nacía en Sarria Xela Arias. A poetisa é este ano a homenaxeada no Día das Letras Galegas, e, coincidindo co que sería o seu 59 aniversario, comezaron aquí os actos conmemorativos cunha exposición fotográfica. Toca homenaxear a escritora que a propia Academia Galega definiu como transgresora e comprometida, unha muller que ademais destacou no seu papel como editora e que foi pioneira na tradución de grandes clásicos á lingua galega.

Aquela nena de Sarria, este é o título da exposción arredor da figura de Xela Arias que xa se pode visitar na súa vila natal.

"Esta é a patria da memoria. É o territorio dos seus pais, Amparo e Valentín Arias, que teñen moito que ver co que logo foi Xela", explica Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega.

Xela Arias destacou como poetisa, pero tamén como editora, tradutora e mestra traballando sempre a prol da lingua galega.

"Todos os labores de creación e de transmisión da cultura e tamén de profesora formando os máis pequenos son as múltiples caras de miña nai, e estamos todos moi orgullosos dela", asegura o seu fillo, Darío Gil Arias. 

Defínena como transgresora e comprometida, unha escritora que renovou nos 80 a poesía galega."Segue sendo unha autora contemporánea, rupturista en moitos sentidos, unha persoa sublime e cunha gran formación", salienta Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.

Esta é a primeira de moitas homenaxes. Queda por diante todo un ano dedicado á figura e aos versos de Xela Arias.

Noticias web

04/03/2021