CRTVG

Buscar

Arrancan en Lugo as Aulas Newton para formar os futuros profesionais da I+D e da industria de Galicia

Publicado o 21/10/2019 15:26

As Aulas Newton, que promove a multinacional americana Boeing, fomentarán un coñecemento científico-técnico que, segundo destaca a Xunta, servirá para formar os futuros profesionais da I+D e da industria de Galicia.

Na praza Horta do Seminario arrincou este luns a presentación das aulas, que logo se estenderán a outras cidades europeas e que no caso de Lugo beneficiará a máis de 550 escolares. Coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, directivos da multinacional americana, e da alcaldesa, Lara Méndez, deron comezo estas aulas, que poñerán o acento sobre todo nas "matemáticas e na aeronaútica".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor que estas aulas "servirán para formar os futuros profesionais" do sector aeronáutico e igualmente valerán para formar "a próxima xeración de pilotos, de controladores aéreos, de mecánicos ou deseñadores aeronáuticos".

Pola súa banda, a alcaldesa, Lara Méndez, mostrou a "satisfacción" que supón que estas aulas arrinquen na cidade de Lugo, e que logo se trasladen a outras cidades europeas.

 Feijóo tamén destacou o investimento que realizou a Xunta no polo aeronáutico de Rozas (Castro de Rei) nos últimos anos, cun investimento que cifrou en máis de 164 millóns de euros. O presidente galego sinalou, respecto diso, en que os orzamentos de 2020 contemplan para o devandito polo unha partida superior aos 15 millóns de euros.

 

Noticias web

21/10/2019