Arranca o Festival de Cine de Ourense coa estrea do filme "Malencolía"
Noite de gala en Ourense. A cidade estende a alfombra da vixésimo sexta edición do festival de cine. Os protagonistas da noite veñen cargados de Malencolía. O último filme de Alfonso Zarauza, acabadiño de saír do forno nas súas propias palabras, é a película inaugural.
"Ourense foi crucial para a rodaxe e financiamento desta película e, por tanto, era o máis lexítimo corresponderlles facendo aquí a estrea mundial da peli", asegura o cineasta.
"Que se anime a xente a ver o filme. Para nós foi moi divertido facelo, así que espero que a xente se poida divertir e pasar un pouco de medo véndoo", agarda Melania Cruz, a actriz protagonista.
Por diante, nove días de cine, con dez longametraxes na sección competitiva, máis as incluídas noutras seccións, desde curtametraxes, a Inédito en Ourense ou o Ciclo Xacobeo.
"Das 71 películas que temos programadas no certame, 33 teñen produción ou coprodución galega. Iso tamén é o OUFF: proxección para o audiovisual galego", explica Miguel Anxo Fernández, director artístico do certame.
Creado no ano 1996, e tras varios xiros de temón, o OUFF regresa cada outono coa aspiración de converter Ourense no escaparate galego do audiovisual. Ademais das proxeccións, hai talleres, concursos, concertos e exposicións, coma esta, de rodaxes realizadas na provincia.
"Agora máis ca nunca creo que temos que apostar por películas do país, feitas en Galicia, en galego, no noso idioma", reivindica Xulio Abonjo, actor protagonista da película inaugural.
Dous mestres do cinema son os homenaxeados desta gala inaugural: Berlanga e Fernando Fernán Gómez, no centenario dos seus nacementos.