CRTVG

Buscar

"Normalidade e axilidade" no ensaio de vacinación masiva na Cidade da Cultura

Publicado o 11/03/2021 20:02

• Recibiron a primeira dose de AstraZeneca 839 persoas de 50 a 55 anos | A partir do sábado serán vacinadas outras 20.000

España mantén AstraZeneca para menores de 55 ata que a EMA conclúa o estudo sobre episodios trombóticos | Define os enfermos de alto risco que serán vacinados xunto co grupo de 70 a 79 anos

 

A Consellería de Sanidade destacou este xoves a "normalidade" e "axilidade" con que se desenvolveu a proba piloto de vacinación masiva realizada na Cidade da Cultura nesta xornada, coa vacinación contra a covid−19 de 839 persoas de 50 a 55 anos da área sanitaria de Santiago de Compostela e O Barbanza.

Outras cinco persoas máis, indica o comunicado, acudiron ata o Monte Gaiás pero finalmente non recibiron a dose por contraindicacións. Moitos dos citados foron á primeira hora, ata o punto de que ás cinco da tarde xa eran tres centenares de persoas as vacinadas.

Para o sábado están citadas dúas mil persoas en horario de mañá e tarde. Esta tarde, sinala a nota, soamente foi necesario empregar dez dos dezaseis postos instalados. 

A vacinación comezou ás catro da tarde. Acudiron a maior parte dos convocados, que, despois de recibiren a súa primeira dose, debían esperar quince minutos para garantir que non lles daba ningunha reacción adversa.

Fan cola para recibir a primeira dose da vacina de AstraZeneca. Todos viven na área sanitaria de Santiago, teñen entre 50 e 55 anos e un apelido que comeza pola letra H. Considéranse privilexiados por seren os primeiros galegos destas idades en recibir a vacina.

 "Que bo, que marabilla!", exclama unha muller. "Con algo de nervios, pero contenta por vacinarme xa", di outra. "Estamos todos desexando vacinarnos para poder recuperar a nosa vida e buscar a normalidadade. Por iso vimos con ilusión", di un home.

A da Cidade da Cultura é unha proba piloto. Con ela testan o sistema de convocatoria por mensaxe, ao ser xente máis nova. Tamén de como levar a cabo a vacinación en grandes espazos ante a chegada de partidas cada vez maiores.

"Temos 16 puntos de vacinación, e co persoal que temos aquí poderiamos chegar a vacinar 8.000 persoas ao día", explicaba Eloína Núñez, xerente da área sanitaria de Santiago.

Despois de recibiren a vacina deberon agardaron 15 minutos para comprobar que non lles daba unha reaccion adversa.

"Esperando a ver se dá algún tipo de dor, pero en principio todo moi ben", di unha das vacinadas. Outra móstrase moi contenta de recibir a vacina porque di que é unha persoa de risco. Un home di sentirse tranquilo de poder quedar inmunizado. Di que ainda así non se pode baixar a garda, pero é unha defensa máis para que entre todos poidamos vencer esta pandemia.

A partir do sábado, a experiencia piloto no Gaias trasladarase ao resto das áreas sanitarias de Galicia para completar nunha primeira fase a vacinación de 20.000 persoas.

Noticias web

11/03/2021