CRTVG

Buscar

Arranca a reforma da lei sanitaria de Galicia, que o PP quere aprobar en febreiro

Publicado o 19/11/2020 15:50

O Grupo Popular no Parlamento de Galicia rexistrou hoxe a proposición de lei coa que os populares queren reformar a Lei de saúde de Galicia para ter un novo marco legal en febreiro do ano que vén.

O voceiro do PPdeG na Cámara autonómica, Pedro Puy, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou que o texto pretende dotar de seguridade xurídica as decisións das autoridades autonómicas na loita contra as pandemias.

A voceira de Sanidade do grupo parlamentario, Encarna Amigo, será a encargada de defender o texto cando chegue ao pleno.

Pedro Puy mostrou a súa "decepción" polo feito de que esta reforma non se aprobara para toda España, unha vez que o Congreso rexeitou a proposta do PP feita esta mesma semana e o Goberno ignorou o texto remitido pola Xunta para modificar a Lei orgánica de Saúde.

"Preferiron seguir pola vía do estado alarma, que é pouco práctica, xa que ao pouco de renovar por seis meses este mecanismo varios presidentes autonómicos xa pediron modificalo para tomar medidas que non estaban contempladas", como os confinamentos, destacou o portavoz do PPdeG.