CRTVG

Buscar

Arranca a campaña de vacinación contra a gripe en Galicia, con doses para preto de 900.000 persoas

Publicado o 18/10/2021 15:08

Desde primeira hora da mañá, hospitais e centros de Atención Primaria de toda Galicia están administrando a vacina da gripe ao persoal sanitario, co que todos os anos arranca a campaña. No 2020 acadouse unha cobertura de case o 75 por cento dos traballadores da saúde de Galicia e superou en case 23 puntos a porcentaxe de 2019. Desde a área sanitaria de Santiago e A Barbanza, a responsable de Medicina preventiva, Cristina Fernández, di que espera "que haxa unha alta participación, polo menos igualando á do ano pasado".

En 2020 o virus da gripe apenas circulou. Foi unha campaña atípica, onde ademais de acadarse porcentaxes de vacinación nunca vistas en Galicia, as medidas de protección fronte á covid tamén axudaron a frear estoutra doenza. Este ano, os responsables sanitarios xa advirten de que non vai ser igual. "O virus vai circular máis, de feito xa se detectaron casos en Vigo", di Fernández.

Por iso chaman o persoal de hospitais e centros de saúde a dar exemplo e vacinarse. Na campaña anterior, dentro deste colectivo, os profesionais médicos da atención primaria foron os que máis se vacinaron (máis dun 79 por cento), fronte ao persoal de enfermería hospitalaria que apenas superou o 71 por cento.

Dentro dunha semana será a quenda das persoas maiores de 65 anos e dos usuarios de residencias. A mediados de novembro tocaralle ao resto de poboación diana e a finais dese mes á poboación xeral. Nesta campaña hai 900 puntos de vacinación habilitados e 885.000 doses dispoñibles, unhas 40.000 máis das que se administraron o ano pasado.

 

Noticias web

18/10/2021