CRTVG

Buscar

Arranca a campaña de vacinación contra a gripe do persoal sanitario

Publicado o 18/10/2021 14:48

Hoxe arranca a campaña de vacinación contra a gripe, coa inmunización do persoal sanitario. A vacina está a disposición de todas as persoas que traballen tanto nos centros de atención primaria como nos hospitais do Sergas e nos hospitais privados. 

A semana que vén a vacina administrarase xa nas residencias e tamén nas persoas maiores de 65 anos. Desta volta a protección contra a gripe é dobremente importante, xa que o virus estará en circulación xunto co da covid-19. 

Pero, ademais, e precisamente polo traballo que realizan, os profesionais da sanidade poden actuar como transmisores do virus aos chamados grupos de risco, pacientes que polas súas patoloxías son máis vulnerables a unha infección. É outro dos motivos polos que é tan importante inmunizar este colectivo. E, tamén, porque neste 2021 estamos nun novo escenario onde conviviran a gripe e a covid. 

José, enfermeiro, explica que o ano pasado "tamén se pensaba que ían a coexistir os dous virus, afortunadamente houbo moi pouca gripe polo tema das medidas de seguridade e as máscaras. Este ano eu penso que si que hai circulacion dos dous virus, co cal nós si deberiamos animar a todo o persoal sanitario a vacinarnos coincidindo coa fin das restricións". 

María Sande, xefa do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Ourense, di que "a pandemia non finalizou, a covid-19 está aí e tamén temos incertezas sobre a posible coinfección, é dicir, a infección simultánea do virus da gripe e do virus da covid".

O luns 25 poderán vacinarse contra a gripe as persoas de 65 ou máis anos e as persoas con discapacidade. Tamén comezará a inmunizacion nas residencias de maiores.

Noticias web

18/10/2021