CRTVG

Buscar

Arquivan unha nova causa contra o 'raiacoches' de Vigo polos seus problemas psíquicos

Publicado o 10/02/2021 18:54
Arquivan unha nova causa contra o 'raiacoches' de Vigo polos seus problemas psíquicos

O Xulgado do Penal número 2 de Vigo decretou o arquivo provisional dun caso aberto contra o octoxenario José Antonio V. V., coñecido como o ancián 'raiacoches' de Vigo. Segundo comunicaron fontes xudiciais, o arquivo da causa decretouse por mor da petición do fiscal, debido a que o home "non está capacitado" para ser xulgado. Neste sentido, as mesmas fontes indicaron que a causa foi arquivada ata que o acusado, que se atopa ingresado nunha residencia, mellore o seu estado. 

Nos últimos anos abríronse distintas causas contra o octoxenario por delitos continuados de danos. De feito, en xuño de 2019 xa resultou absolto dunha ao serlle aplicada a eximente completa polos seus problemas psíquicos. Naquel momento a súa letrada explicou que, segundo os informes forenses, este ancián está en situación de "vulnerabilidade psíquica crónica irreversible", padece unha serie de trastornos e unha "pseudodemencia".

Estímase que hai máis dun centenar de prexudicados pola actividade delituosa deste home, aínda que dita actividade se remonta a varios anos e a Policía atribúelle a autoría de danos a máis dun milleiro de vehículos. Así, durante anos "atemorizou" os veciños do Calvario e da Dobrada, onde non só se dedicaba a raiar coches, senón que tamén danaba fechaduras de vehículos e de locais, introducindo escarvadentes.