CRTVG

Buscar

Arquivada a causa contra Néstor Rego por unha protesta en Meirás

Publicado o 11/03/2021 18:04
Arquivada a causa contra Néstor Rego por unha protesta en Meirás

A sala do Penal do Tribunal Supremo arquiva as actuacións contra o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, por unha protesta no pazo de Meirás.

Durante o acto, que se desenvolveu o 30 de agosto de 2017, despregáranse pancartas contra o franquismo e a prol da devolución ao pobo do edificio.

O Supremo toma a decisión, de acordo coa Fiscalía, ao non atopar o carácter delituoso dos feitos “suficientemente xustificado” e considerar que os indicios de participación do político carecen da “mínima solidez esixida”.

No auto, dado a coñecer este xoves, o Supremo declara ademais a súa falta de competencia respecto ás outras 17 persoas investigadas no mesmo asunto , xa que “ningunha delas é aforada”.

Na  exposición dos feitos, achegada ao alto tribunal, atribuíanselle, de xeito indiciario e provisional, delitos contra a honra, odio, danos, e violación de morada.