Ares agarda pola extracción do combustible do Blue Star
A navieira do Blue Star ten intención de baleirar primeiro os tanques de combustible e posteriormente intentar remolcar o quimiqueiro. Mañá martes está previsto que dean comezo os traballos.
O Blue Star vai camiño de cumprir 72 horas encallado sobre as rochas da costa da ría de Ares coa súa tripulación a bordo e á espera de que mañá comecen os traballos de extracción das preto de 100 toneladas de fuel e gasóleo que permanecen no interior dos tanques de combustible do buque. Os representantes da empresa armadora mantiveron esta mañá unha xuntanza con representantes do Ministerio de Fomento, Salvamento Marítimo e o Delegado do Goberno en Galicia para informar dos detalles deste plan de actuación, que consistirá no baleirado do combustible de mar a terra a través de mangueiras conectadas a camións.
Sobre unha cama de rochas o Blue Star resiste os envites das ondas na ría de Ares, onde permanece encallado desde a noite do venres. Trala decisión da empresa armadora de poñer ao mando das operacións á compañía holandesa SMIT este luns representantes da navieira presentaron as autoridades españolas o seu plan de actuación. O primeiro paso será extraer as preto de 100 toneladas de combustible do buque.
Os traballos comezarán este martes. Mentres duren permanecerá activado un operativo de continxencia tanto no interior do porto da Coruña como no de Ferrol; e en alerta o plan marítimo nacional para evitar calquera posible dano ambiental. Na zona continúan as visitas de curiosos e veciños.
As autoridades recoñecen a complexidade do operativo tanto polo lugar onde se atopa o Blue Star como polo as condicións do mar e prevén que os traballos se poidan alongar.