CRTVG

Buscar

Arderon case 15.000 hectáreas nos incendios forestais que afectaron Galicia no 2020

Publicado o 13/04/2021 19:32
Arderon case 15.000 hectáreas nos incendios forestais que afectaron Galicia no 2020

Galicia rexistrou en 2020 un total de 1.538 incendios forestais (-7,7%) en que arderon 14.837 hectáreas (+117%), segundo avanzou este martes no pleno do Parlamento o conselleiro do Medio Rural, José González. Desta superficie queimada, a maior parte, 12.872 hectáreas, foron de monte raso, fronte a 1.964 arboredos.

O total de 14.837 hectáreas calcinadas en incendios forestais o ano da pandemia da covid é superior ao do conxunto dos anos 2018 e 2019 na comunidade galega, cando foron arrasadas 2.599 e 6.837 hectáreas, respectivamente. En calquera caso, supoñen cumprir o obxectivo que se marcou a consellería de que ardesen menos de 17.000 hectáreas.

Mentres, de acordo cos datos ofrecidos polo conselleiro este martes nunha comparecencia a petición propia, en 2021 foron contabilizados 255 lumes, deles 81 declarados en momentos nos que non poden traballar os medios de extinción, case o 32%, do que deduciu "unha clara intencionalidade".

Pola súa banda, González cifrou en 232 os concellos que xa contan con plan municipal contra incendios tramitado, o 86% dos consistorios adheridos ao convenio coa Xunta, e esperou que este ano se completen ata 269.