Arden dous camións e parte dunha nave industrial de madrugada en Rábade
O ano comezou cun incendio en Rábade. Dous camións quedaron completamente calcinados ás portas dunha nave do polígono industrial. Tamén ardeu material para a fabricación de tetrabricks e tubos de recollida de mostras. A rápida intervención dos bombeiros de Vilalba foi decisiva para impedir que o lume se espallara pola nave e mesmo que chegara a outras.
Dous camións, un deles con remolque quedaron calcinados esta madrugada no polígono industrial de Rábade. O lume comezou contra as cinco da mañá por causas que aínda se descoñecen. As alarmas antifume das naves lindeiras puxeron en alerta a Garda Civil, que rápidamente deron aviso os bombeiros de Vilalba. A súa intervención foi decisiva para evitar que o lume se espallara cara o interior das naves cando unha porta e unha ventá xa se estaban a queimar. Tamén ardeu material para fabricar tetrabricks e tubos de recollida de mostras que estaban depositados nas inmediacións, formando unha capa de plástico derretido no chan.
"Chegamos ao lugar e vimos que ardía unha cabeza tractora e un camión que estaba pegado. O lume esta a pasar para a nave a través dunhas bobinas de tetrabrick. Tamén ardían tubos de plástico."
A Garda Civil está a investigar as causas polas que se produciu o incendio. Todo apunta a que se debeu a un fallo no motor do camión máis antigo aínda que non se desbota que puidera tratarse dun acto vandálico ou de sabotaxe. Os vehículos eran propiedade duna taller de reparación de vehículos e dunha empresa de reciclaxe. Os bombeiros tiveron que mover a máquina de prensado de residuos que había a carón dos camións para que as lapas non entrasen na nave máis próxima.
"O que se fixo foi protexer as naves do lume e extinguir as lapas dos camións. Comprobamos que todo estaba en condicións coa cámara térmica e regresamos á base. Tamén houbo que arrastrar un colector mecánico para que as bobinas de tetrabrick non arderan hacia dentro."
Nos labores de extinción empregouse unha importante cantidade de auga así como escuma por tratarse dun incendio de tipo industrial.