CRTVG

Buscar

Arden corenta toneladas de forraxe e cinco máquinas agrícolas en Bóveda

Publicado o 06/08/2021 13:51

Un chispazo nun dos vehículos agrícolas podería ser a causa do incendio que arrasou parte dunha granxa de Bóveda. O silo cuberto e as corenta toneladas de veza e herba seca que gardaba en forma de rolos quedaron calcinados e inservibles e o mesmo sucedeu con tres tractores, unha rotoempacadora e un autocargador. O lume foi tan intenso que foi precisa a intervención dos bombeiros dos parques de Monforte e de Sarria.

Numerosos veciños axudaron nos labores de extinción e conseguiuse que o lume non chegara nin á nave onde están as vacas nin ó silo dos cereais. Aínda así as perdas económicas van ser moi elevadas tanto polo valor da maquinaria como pola necesidade de repoñer a forraxe que se perdeu. Este tipo de incendios fanse moi complexos pola facilidade coa que arde a herba seca. O gandeiro di que, dentro do malo, polo menos non houbo danos persoais nin do gando e asegura que xa está pensando en retomar o traballo diario.

Noticias web

06/08/2021