CRTVG

Buscar

Arde unha nave chea de herba seca na Estrada

Publicado o 26/08/2021 13:26

Os servizos de emerxencias foron activados contra as dez e media da noite. Ata a nave, situada no medio dun monte, desprazáronse tres dotacións de bombeiros da Estrada, un camión motobomba, unha brigada de bombeiros forestais e dúas dotacións dos bombeiros de Silleda.

"Primeiro procedeuse a controlar que o incendio non afectase a estrutura da nave onde estaba almacenada a herba e despois a conter e perimetrar o incendio. Tras catro horas de traballo e uns 30.000 litros de auga empregados, conseguiuse controlar", explica Juan José Muñoz, xefe dos bombeiros do Deza.

A nave, duns 700 metros cadrados, en dúas alturas, estaba chea de pacas e rolos de herba seca. Antes fora un serradoiro e tamén había ferramentas e unha furgoneta. Noutros incendios similares axúdanse dalgunha maquinaria para ir retirando a palla. Pero desta volta non foi posible porque hai perigo de que caia o tellado e a placa de formigón.

"É unha nave de dúas alturas e é complicado meter unha máquina. Hai que ir controlándoo pouco a pouco. Son incendios que se reactivan e as intervencións son de moito traballo e moita paciencia", asegura o xefe dos bombeiros do Deza.

Cando conseguiron baixar a temperatura e perimetrar o lume, retiráronse a maioría dos medios. Só quedou un retén da Estrada, cunha motobomba e os bombeiros forestais, moi pendentes de que non escapen as faíscas. Teñen, polo menos, para todo o día.

As causas do incendio non se coñecen.

 

Noticias web

26/08/2021