Arde un piso ocupado ilegalmente no centro de Ourense
Foron os veciños os que se decataron do incendio no cuarto andar do edificio situado na rúa Celso Emilio Ferreiro en Ourense. Na zona todos coñecen que o piso leva meses ocupado ilegalmente por un grupo de máis de dez persoas, pero non queren falar ante as cámaras. Ao lugar desprazáronse os bombeiros da cidade, cando chegaron non había xa ninguén na vivenda e puideron apagar axiña as lapas. Aatoparon un colchón ardendo, pero as forzas de seguridadedesbotan que fose intencionado. Segundo contan os veciños pouco antes do incendio viron como a Policía Nacional entraba no edificio, e din que non é a primeira vez que acoden a este inmoble.
Os veciños da zona aseguran que hai un ano que comezou a ocupación neste edificio onde só vive un inquilino. Primeiro din, ocuparon o segundo andar e o propietario conseguiu despois de varios meses que a xustiza desaloxara os ocupantes ilegais. E agora ocuparon o cuarto andar.
Os veciños din que adoitan ver moita xente nova entrando e saíndo deste edificio. O caso está en mans da xustiza e o dono do piso tamén denunciou ante as compañías do gas e da luz os enganches ilegais, pero por agora non se tomaron medidas.