CRTVG

Buscar

Arde un bateeiro de Bueu en fronte da praia de Lapamán

Publicado o 03/05/2021 14:04

Non houbo feridos no incendio do Con Negro na costa de Bueu. A embarcación atopábase pescando nun polígono bateeiro entre Agrelo e Lapamán e comezou a arder por causas que aínda se descoñecen.

Segundo unha testemuña, "víase lume, e logo estoupou un par de veces, iso foi medrando, e comezou a cheirar a chapapote na praia. Nun anaco, o que sucedeu e que todas embarcacións que estaban traballando alí se foron achegando. A explosión sucedeu con varias embarcacións pegadas". Outro engade: "Avisoume o meu irmán de que estaba ardendo un barco que estaba pegado a unha batea, a verdade é que ardeu con todas".

A rápida intervención de efectivos de Aduanas, Salvamento Marítimo e da Garda Civil evitou danos maiores. Os dous tripulantes do Con Negro foron auxiliados por outro bateeiro, o Noelia Otero, sen danos de consideración.

A columna de fume podíase ver en toda a ría de Pontevedra. O Con Negro pertence a Sociedade Cooperativa Mexilloeira de Bueu, Socomebu.