CRTVG

Buscar

Un incendio calcina por completo unha casa en Taboadela

Publicado o 10/09/2019 13:57

Cando comezou o incendio, contra as dúas e media da mañá os inquilinos da vivenda estaban durmindo, cando a muller espertou polo cheiro a fume, a casa xa estaba ardendo. Tiveron que saír co posto, perdérono todo.

Todo aconteceu moi rápido, os veciños trataron de axudar, pero cando chegaron os bombeiros de San Cibrao das Viñas o teito xa caera e o primeiro andar estaba completamente calcinado. Os labores foron complicados ao ser todo de madeira, e estiveron máis de seis horas para poder extinguir o incendio, pero puideron evitar que as lapas se estenderan ás vivendas lindeiras.

A Garda Civil está a investigar as causas que orixinaron o incendio. Por seguridade, a zona quedou acordoada porque a estrutura da casa quedou moi danada e corre o risco de derrubarse. Os inquilinos tiñan seguro, pero din que a perda das súas pertenzas é irrecuperable.