Arde maquinaria e palla nunha explotación gandeira de Santa Comba
O incendio declarouse pouco antes das cinco e media da mañá nunha palleira da aldea da Cabreira, no concello de Santa Comba. Ao lugar acudiron os bombeiros que teñen a base na localidade e persoal de Protección Civil. É un alpendre dunha explotación gandeira en que había maquinaria, moita herba seca e animais nunha dependencia anexa.
Pablo Fadeville, xefe de quenda dos bombeiros de Santa Comba: "Cando chegamos aquí estaba o alpendre en lapas. Montamos as nosas liñas de auga con máis caudal do habitual para abastecer e apagar. Os veciños xa estaban retirando os becerros para fóra".
As perdas son grandes, pero só hai que lamentar danos materiais. A construción quedou moi danada. Ardeu unha gran cantidade de herba seca, unha máquina cargadora e un par de tractores. Aínda non está claro como se orixinou o incendio. No pendello non había instalación eléctrica e o máis probable é que empezase nun dos tractores.
Pablo Fadeville, xefe de quenda dos bombeiros de Santa Comba: "É difícil valorar como empezou. O que podemos dicir é que empezou na zona dos tractores porque é onde a estrutura está máis afectada".
A gran cantidade de palla que había no alpendre é o que está a dificultar máis a intervención dos bombeiros e dos membros de Protección Civil. Ante a dificultade para apagala, están a estendela nunha leira próxima. Calculan que lles queda traballo para todo o día.