CRTVG

Buscar

Arde unha ambulancia en Santa Comba nun acto que podería ser intencionado

Publicado o 26/02/2019 11:19

Unha ambulancia foi queimada na localidade coruñesa de Santa Comba e outras dúas sufriron picadas na provincia de Pontevedra dous días antes de reunirse de novo este xoves patronal e sindicatos no Consello Galego de Relacións Laborais. 

Sobre as 2,30 horas deste martes rexistrouse unha ambulancia queimada en Santa Comba en que, ademais, había unha pintada en que se lía 'convenio xa'. Ademais, na madrugada deste martes tamén se rexistraron catro rodas picadas nunha ambulancia en Nigrán e noutra en Tui picaron o refrixerador e catro rodas. Por todo iso, os empresarios presentaron unha nova denuncia ante as forzas da orde, como en cada ocasión en que se rexistran danos en vehículos do transporte sanitario.  

A pasada semana, entre o 18 e 24 de febreiro, os sindicatos UXT, CIG e Comisións Obreiras levaron a cabo o segundo tramo da folga intermitente convocada para reivindicar un novo convenio colectivo, que seguirá entre o 4 e 10 de marzo. Este xoves 28 está prevista a segunda reunión con mediación no Consello Galego de Relacións Laborais, despois dun encontro mantido o venres 22 na sede do Sergas en Santiago, tras a cal sindicatos e empresarios lle advertiron á Consellería de Sanidade que "a pelota está no seu tellado" porque se non fai pública a contía do novo concurso a patronal insiste en que non pode negociar o convenio.

Noticias web

26/02/2019