CRTVG

Buscar

Pere Aragonès reunirase en Sardeña con Puigdemont tras o seu arresto

Publicado o 25/09/2021 08:45
Pere Aragonès reunirase en Sardeña con Puigdemont tras o seu arresto

O presidente do Goberno catalán, Pere Aragonès, e o vicepresidente, Jordi Puigneró, reuniranse este sábado en Alguer (Sardeña, Italia) con Carles Puigdemont para amosarlle o seu apoio. Tras ser detido o xoves pasado na illa por unha orde do Tribunal Supremo español, a xustiza italiana púxoo en liberdade un día despois.

Puigdemont viaxara a Sardeña para participar nun encontro internacional organizado pola asociación Adifolk, xunto a outras personalidades como a conselleira de Acción Exterior da Generalitat, Vitoria Alsina.

Á súa chegada ao aeroporto de Alguer, a Policía italiana detívoo e conduciuno a un cárcere de máxima seguridade en Sassari, ata que o venres o Tribunal de Apelación desta cidade lle permitiu saír, sen medidas cautelares nin restricións á mobilidade.

Primeira audiencia

Agora, a Corte terá que determinar se existen razóns para a súa entrega a España. Co obxectivo de avanzar nesta cuestión, fixouse unha primeira audiencia o 4 de outubro no Tribunal de Sassari.

Aragonès celebrou a saída de prisión de  Puigdemont cunha mensaxe nas rede sociais: "Celebramos que o presidente Puigdemont quede en liberdade, pero seguimos condenando a persecución xudicial que desde hai catro anos o forza a vivir no exilio".

Previamente, nunha comparecencia no Palau da Generalitat xunto aos seus conselleiros, advertíralle ao Goberno que a detención "non axuda en nada ao proceso de resolución do conflito político" e non contribúe a xerar "confianza entre as partes".