Aragonès pide a JxCat subir ao "tren da negociación"
EFE
O presidente da Generalitat, Pere Aragonès, instou este martes os seus socios de JxCat a "aparcar tacticismos" e subir ao "tren da negociación" co Estado para ofrecer a "máxima unidade de acción", porque ao seu entender "non hai atallos nin solucións máxicas" para conseguir a independencia.
Así se expresou no seu discurso inicial no debate de política xeral do Parlament, despois da crise desatada no Govern por mor da primeira reunión da mesa de diálogo, o 15 de setembro, en que non participou JxCat porque Aragonès vetou os seus nomes, ao ser tres deles perfís alleos á Generalitat.
Aragonès celebrou que o "tren da negociación" para "resolver o conflito político" catalán estea xa arrincando, pero advertiu que hai sectores en España que queren que "descarrile", e "tamén hai xente en Cataluña que quizá o quere". Por iso, lanzou unha mensaxe aos seus socios do Govern: "É o momento de aparcar as posicións de parte, o tactismo, e subir ao tren. É o momento de acumular forzas e reforzar desde dentro e desde fóra a mesa de negociación e os posicionamentos da delegación da Generalitat". "Non podemos desaproveitar esta oportunidade histórica", sinalou o president, que pediu "espírito construtivo, vontade de diálogo e non poñer trabas ao proceso de negociación".
O proceso de negociación, recoñeceu, "non será sinxelo nin rápido", senón que requirirá "perseveranza, aprendizaxe, unidade e moita forza social", e todo o que faga a delegación do Govern "debe estar pensado para fortalecer a súa posición". "O contrario sería debilitar Cataluña, e ninguén pode contribuír a debilitala coas súas accións, consciente ou inconscientemente. Eu non o farei", avisou.
Despois de que o expresident Carles Puigdemont negara o pasado sábado que poida cualificarse de "mesa de negociación" o espazo de diálogo aberto entre a Generalitat e o Goberno, Aragonès pediu "non menosprezar" esta ferramenta. "Non se trata dunha mesa de diálogo para ir charlar, é unha mesa de negociación dun conflito político entre Cataluña e o Estado español", afirmou Aragonès, que destacou que o seu principal obxectivo segue sendo "facer posible a culminación da independencia", compromiso que adquiriu na súa investidura.
Segundo Aragonès, "a día de hoxe, coa correlación de forzas e as condicións" actuais, só hai "unha estratexia gañadora", que pasa por "forzar unha negociación co Estado español e paralelamente continuar traballando" para sumar apoios ao independentismo. Fronte aos independentistas "escépticos" con este proceso de negociación, comentou que está "xustificada" esta actitude, pero pediu "alzar a mirada e entender que conseguir este obxectivo é moi complexo, e a estratexia para conseguilo tamén o será". "Non hai atallos nin solucións máxicas, pero si hai toda a vontade, toda a determinación e toda a actitude de vitoria", asegurou.
Os independentistas, remarcou, están "obrigados a traballar con toda a determinación, toda a lealdade e toda forza social", porque "se o Estado non aproveita a oportunidade deste proceso de negociación" pode provocar máis adhesións ao independentismo.