CRTVG

Buscar

Aragonès perde a primeira ocasión de ser 'president' pola abstención de JxCat

Publicado o 26/03/2021 20:24

O candidato de ERC á presidencia da Generalitat, Pere Aragonès, sumou este venres os 42 votos a favor do seu partido e da CUP, insuficientes para ser investido con maioría absoluta en primeira volta, pola abstención de JxCat e os votos en contra do PSC, Vox, En Comú Podem, Cs e o PPC.

O pleno do Parlament celebrará o vindeiro martes 30 de marzo, a partir das 10 horas, a segunda volta do debate de investidura do candidato de ERC á presidencia da Generalitat Nese caso, ao presidenciable republicano bastaralle con obter maioría simple para ser investido.

Aragonès lembroulle a Junts que ERC sempre investiu os seus candidatos nas últimas lexislaturas e lamentou que será a primeira vez que o presidenciable independentista non reciba os votos do segundo partido independentista máis votado: "Nós sempre estivemos aí. Á inversa sempre estivemos". 

Cos 9 votos da CUP garantidos, Junts per Catalunya e tamén En Comú Podem foron os destinatarios do discurso de investidura de Pere Aragonès. O candidato propón forzar unha negociación co Goberno que faga inevitable a amnistía e un referendo de autodeterminación. Instou os neoconverxentes a saíren, dixo, da súa zona de confort: "Se optamos pola comodidade do maximalismo, temos que ser conscientes de que só contribuímos ao bloqueo do país".

Pero en Junts queren máis concreción nese camiño cara á independencia. Cren que o acordo pode tardar semanas, e por iso facían esta petición. Albert Batet, o seu voceiro, dixo que "Junts per Catalunya demandámoslle formalmente que renuncie a unha segunda votación de investidura ata que haxa un acordo entre os 74 deputados independentistas".

Ao que Pere Aragonès respondía que "a situación da urxencia económica e social non admite demoras, a covid non espera, a crise económica e social do país, que a represión tampouco espera, e por tanto precisa unhas institucións fortes".

Salvador Illa apelou ao sentido común para que Aragonés renuncie a gobernar cos antisistema e abandone unha estratexia que xa se demostrou fracasada: "cando un proxecto se mostra inviable e divisivo, a solución non é insistir obsesivamente en repetilo, senón ter a honestidade de corrixir o rumbo e buscar outras maiorías e proxectos máis viables e inclusivos".

A imaxe do pleno foi a do abandono masivo de deputados na estrea de VOX no Parlament. A outra polémica do día foi a decisión da mesa de autorizar o voto telemático de Lluis Puig, un dos fuxidos en Bruxelas, decisión que Ciudadanos, PP e VOX recorrerán ante o Constitucional.

Noticias web

26/03/2021