CRTVG

Buscar

Aragonés propón un "acordo nacional pola amnistía e a autodeterminación"

Publicado o 26/03/2021 14:14

O candidato de ERC á presidencia da Generalitat, Pere Aragonès, propuxo un "acordo nacional pola amnistía e a autodeterminación" que agrupe todas as formacións políticas, institucións e entidades que estean de acordo coa resolución do conflito político co Estado.

No debate de investidura no Parlament, Aragonès explicou que desexa ir á mesa de negociación entre os gobernos do Estado e o catalá "representando non só un movemento político, un goberno ou un Parlamento, senón representando un país".

Indicou, neste sentido, que "un proceso de negociación non resolverá inmediatamente o conflito, pero non se pode converter na escusa para alargalo no tempo e cronificalo", motivo polo que propugnou "dotarnos das mellores metodoloxías" para avanzar durante esta lexislatura.

Sobre a mesa de diálogo, afirmou que "é certo que comezou con mal pé" porque "a pandemia non axudou e un ano largo de clima preelectoral tampouco, pero non hai escusa que valga, nin temos tempo que perder, fai falla reactivar este espazo de negociación e hai que facelo de xeito inmediato". Do mesmo xeito, esixiulle ao Estado "que vaia cunha proposta".

"Acordo nacional"

O candidato de ERC anunciou que, de seren elixido presidente, convocará "un acordo nacional pola amnistía e a autodeterminación que agrupe a todas aquelas formacións políticas, institucións e entidades que están de acordo coa solución do conflito político co Estado".

Estarán convocadas a participar neste "acordo nacional", ademais, todas aquelas formacións e entidades que pensen que o conflito "se resolve coa liberdade dos presos políticos e exiliados e cun referendo para decidir o noso futuro en liberdade".

Segundo Aragonès, "a ninguén ten que lle dar medo que a cidadanía decida libremente", polo que instou a "acordar entre todos os procedementos e as formas", así coma o xeito que ten que ter "a deliberación que nos leve a unha votación que represente a vontade soberana do pobo de Cataluña".

Para o candidato republicano, "votar é a solución que agrupa a aqueles que defendemos a independencia e aqueles que lexitimamente non a defenden, atoparémonos na solución democráticas onde todos poidamos gañar, e que decida a cidadanía".

"Recuperar o liderado"

Recoñeceu que non pode garantir que isto funcione, "pero o que teño claro é que a alternativa lévanos a continuar como ata agora, bloqueados nunha etapa de represión e impotencia, e a miña vontade é recuperar o liderado para volver avanzar".

Pero se, malia e todos os esforzos non é factible, Aragonès explicou que "non desfaleceremos e seguiremos construíndo as alternativas para construír a república catalá, como faciamos cando eramos só tres deputados pero, sobre todo, con todo o optimismo de saber que hoxe sumamos 82 deputados a favor da amnistía e a autodeterminación".

Tras a intervención sen límite de tempo do candidato á investidura, será a quenda dos líderes parlamentarios, de maior a menor, que disporán cada un de 30 minutos, e despois da réplica e as contrarréplicas procederase á votación, en que os deputados serán chamados un a un a dicir desde o seu escano cal é o seu voto: si, non ou abstención.

Para ser investido este venres en primeira votación, Aragonès necesita a maioría absoluta, pero todo apunta a que non a conseguirá, xa que só puido atar o voto a favor dos 9 deputados da CUP, ademais dos 33 de ERC, sen poder convencer de momento aos 32 de JxCat para que lle ofrezan tamén o seu apoio.

Se se confirma o fracaso da primeira votación, Aragonès disporá dunha segunda oportunidade -previsiblemente o martes, dous días hábiles despois- en que lle bastará a maioría simple, aínda que igualmente necesitará os votos a favor de JxCat para ser investido.

En caso de que Aragonès tampouco conseguise ser investido en segunda votación, abriríase un período de dous meses -a contar desde este venres- para tentar de novo unha investidura e, se non fose posible, o 26 de maio serían convocadas automaticamente novas eleccións para despois de 54 días, xa en xullo.