CRTVG

Buscar

Aragonès exclúe da mesa de diálogo a Junts por incluír dous indultados que non forman parte do Govern

Publicado o 14/09/2021 16:30

EFE/Quique Garcia

EFE

A un día da reactivación da mesa de diálogo estalou unha crise no seo do Govern, a raíz do intento de JxCat de incluír a Jordi Sànchez, Jordi Turull e Míriam Nogueras na delegación da Generalitat, vetados polo presidente catalán Pere Aragonès por non seren consellers.

JxCat non só se negou a retirar eses nomes, senón que denunciou que a decisión de Aragonès de non aceptalos se debe en realidade ao "veto" e á "censura" da Moncloa. Se na última semana a grande incógnita fora se o presidente do Goberno Pedro Sánchez asistiría á reunión deste mércores en Barcelona, o que finalmente provocou un terremoto político, a 24 horas da cita, foron os nomes propostos por JxCat para a delegación catalá, xa que tres deles non cumpren a condición de Aragonès de pertencer ao Govern.

Despois de que mañá ás 15:00 horas Pere Aragonès e Pedro Sánchez se reúnan a soas no Palau da Generalitat e a seguir dean paso á reunión entre as dúas delegacións, só sentarán a esa mesa representantes do Goberno e membros de ERC no Govern; JxCat estará ausente.

As turbulencias empezaron cando, sobre as 9:30 horas, JxCat fixo público un comunicado en que desvelaba a súa proposta de nomes para a mesa: só un deles, o vicepresidente do Govern Jordi Puigneró, forma parte do executivo catalán. A inclusión de dous presos indultados —o secretario xeral de JxCat Jordi Sànchez e o vicepresidente do partido Jordi Turull— ademais da portavoz de Junts no Congreso Míriam Nogueras enfureceu a Aragonès, que reclamara que a delegación estivese composta exclusivamente por membros do Govern.

A súa irritación duplicouse polo feito de que JxCat —tras a decisión da súa dirección executiva— publicara os seus nomes antes de acordalos na reunión deste martes do Govern, a máis tensa desde a investidura de Aragonès o pasado maio. Na reunión, Aragonès expuxo a aprobación dun acordo sobre a mesa de diálogo, na que o president quere reivindicar amnistía e autodeterminación, que a ollos de JxCat era "infumable". Tras solicitar JxCat un receso para avaliar os seguintes pasos, votouse o acordo e aprobouse co apoio dos consellers de ERC e a abstención dos de Junts, segundo explicaron a EFE fontes da Generalitat.

JxCat negouse a retirar os nomes alleos ao Govern vetados por Aragonès, e por tanto a conferencia de prensa habitual da portavoz do executivo foi substituída por unha comparecencia do president na Galería Gótica do Palau da Generalitat.

Aragonès anunciou que a delegación da Generalitat para a reunión de mañá estará composta, de momento, por el mesmo e por dous consellers de ERC: Laura Vilagrà e Roger Torrent. Quedan fóra os seus socios de Govern, ata que JxCat lle faga chegar unha proposta de consellers que el aceptaría de inmediato.

Pero JxCat non modificou a súa postura: se non se aceptan os seus catro nomes, ningún deles estará nin mañá nin en futuras reunións da mesa de diálogo. Para explicar a postura de JxCat compareceu Jordi Sànchez, que en lugar de culpar a Aragonès do veto deu a entender que o president actuou por orde "da Moncloa". "Négome a aceptar que haxa un veto do presidente Aragonès. Non é verosímil", afirmou Sànchez, que advertiu que "sería unha mala praxe aceptar as condicións do Goberno" e alegou que "a principios de verán" ERC expuxo o nome de Oriol Junqueras, que decaeu, ao seu entender, pola presión do PSOE. "Nós non deixamos cadeiras baleiras, en todo caso non se nos deixou entrar", puntualizou.Sànchez, que con todo negou que este episodio abra "unha crise de fondo" no Govern.

Pola súa banda, a ministra portavoz do Goberno Isabel Rodríguez avalou a postura de Aragonès e recalcou que a mesa debe estar formada exclusivamente por membros de ambos os executivos. "Sempre o marco foi o de delegacións de traballo de ambos os gobernos; non consideramos outro marco", sinalou. Esta posición ratificouna o líder do PSC no Parlament Salvador Illa, que, sen querer "botar leña ao lume", subliñou que "desde o principio se sabía que era unha mesa entre gobernos". 

Noticias web

14/09/2021