CRTVG

Buscar

Aragonès, elixido presidente da Generalitat cos votos do bloque independentista

Publicado o 21/05/2021 14:03

Pere Aragonès foi investido este venres novo presidente da Generalitat por maioría absoluta do Parlament, cos 74 votos de ERC, JxCat e a CUP, o que pon fin a oito meses de interinidade desde a inhabilitación de Quim Torra. 

A canditatura de Aragonès recibiu 61 votos en contra: do PSC-Units, Vox, os comuns, Ciudadanos e o PP.   

A elección chega a cinco días de finalizar o prazo límite para que se tivesen que convocar novas eleccións, e tras ese período de case oito meses de interinidade na Generalitat, xa que Cataluña leva desde o 28 de setembro de 2020 co goberno en funcións pola inhabilitación de Quim Torra, e neste período Aragonès xa asumiu as funcións de presidente, aínda que con limitacións que a partir de agora xa non terá.   

Aos seus 38 anos, será o presidente máis novo da historia, e a súa elección supón a volta de ERC á Presidencia da Generalitat 41 anos despois -o último foi Josep Tarradellas-, tras catro décadas de presidentes da antiga CDC, do PSC e do actual espazo de Junts. 

O novo presidente da Generalitat comprometeuse a exercer o cargo con humildade e con determinación democrática, gritando ao final da súa intervención: "Visca Catalunya lliure".

Tras ser proclamado presidente, Aragonès saudou os líderes de todos os grupos parlamentarios, excepto Vox, que nese momento abandonou o hemiciclo, e despois da súa intervención soou 'Els segadors', himno de Cataluña. 

Á terceira foi a vencida. Superados os receos de Junts, e upado tamén pola CUP, Esquerra Republicana toma por primeira vez o mando da Generalitat desde a volta da democracia. Pere Aragonès dáballe expresamente as grazas a Oriol Junqueras, presente no hemiciclo cun permiso penitenciario."Exercer o cargo de presidente da Generalitat de Cataluña con toda a humildade persoal, pero con toda a ambición colectiva, coa man tendida e determinación democrática, con espírito de servizo e con valores republicanos, sempre ao servizo da cidadanía. Viva Cataluña libre!".

Vox abandonou o pleno durante o discurso. A oposición lamentou que se repita un experimento que xulgan frustrado.

Para Jessica Albiach, de En Comú Podem, "podería ser sinxelamente a prórroga dun goberno zombi". Carlos Carrizosa, de Ciudadanos, advertía: "Non se deixen enganar, señor Sánchez, señor Illa, por unha Esquerra Republicana que coa man esquerda lle ofrece a mesa de diálogo e coa dereita asina o compromiso dun embate antidemocrático para esta lexislatura".

O 132 presidente da Generalitat tomará posesión o luns. A presidenta da Cámara non ten previso acudir á Zarzuela a informar o rei.