CRTVG

Buscar

Pere Aragonés e Ada Colau reúnense para falar da violencia en Cataluña

Publicado o 01/03/2021 09:53

Govern de Cataluña advirte de que a escalada de violencia que están producindo en Cataluña as protestas en apoio a Pablo Hasél pode acabar con vítimas mortais. O presidente da Generalitat en funcións, Pere Aragonés, reúnese hoxe coa alcaldesa, Ada Colau, para abordar a seguridade na cidade e tratar de adoptar medidas preventivas. 

Tras dúas semanas de disturbios en Barcelona, a violencia non cesa. Este sábado rexistráronse os incidentes máis graves, que acabaron con 14 detidos e 6 mossos feridos. Tras as manifestacións pacíficas en apoio a Hasél, grupos violentos volveron atacar comercios, caixeiros e ata a comisaría da Garda Urbana na Rambla de Barcelona, onde acabaron prendéndolle lume a unha furgoneta. O axente que estaba dentro puido escapar a tempo.

Na visita a esta comisaría, a alcaldesa Ada Colau condenou estes actos violentos e fixo un chamamento á calma. Tamén o socialista Salvador Illa advertiu de que estes episodios violentos poden acabar mal.

O Partido Popular reclamoulle ao ministro do Interior que convoque de urxencia a Xunta de Seguridade en Cataluña para coordinar a resposta policial.

O que está sucedendo nas rúas de Cataluña está interferindo nas negociacións para a formación do novo goberno catalán que se retoman esta semana. A CUP pon como condición para apoiar a Esquerra e a Junts que se disolva a Brimo, os antidisturbios dos Mossos. Esixencia que a Consellería de Interior rexeita.

Noticias web

01/03/2021