CRTVG

Buscar

Aragón, á cabeza dos novos contaxios, e España suma 1.178 nas últimas 24 horas

Publicado o 05/08/2020 14:52

Sanidade notificou 1.178 contaxiados nas últimas 24 horas en España. O Ministerio informou tamén de oito novas mortes a causa do coronavirus. Con estas 8 vítimas mortais, Sanidade contabiliza 34 mortos por coronavirus na última semana. Por toda España, hai máis de cincocentos gromos. O peor segue estando en Aragón que, canda a Comunidade de Madrid, suman a metade dos casos.

Nas tres provincias aragonesas contabilízáronse nas últimas horas 388 positivos por coronavirus, segundo o Departamento de Sanidade do Goberno rexional. 345 deles en Zaragoza. Houbo 15 mortos na última semana. Dez deles, en residencias. 47 xeriátricos teñen casos de covid. 304 anciáns e 100 traballadores deron positivo.

Aínda que o número de hospitalizados aumentou case en douscentos esta semana, o Goberno rexional cre que o sistema non está en perigo como en marzo. O Goberno aragonés investiga se a residencia de Burbáguena, en Teruel, onde 63 residentes e 13 traballadores están contaxiados, cumpriu co plan de continxencia e baralla abrirlle un expediente sancionador.

Aragón suma con Madrid a metade dos casos de toda España. A comunidade madrileña, cunha vintena de gromos activos, informou nas últimas horas duns 300 positivos máis. Os municipios máis afectados son Móstoles e Fuenlabrada.

En Pozuelo de Alarcón desinfectaban esta mañá o fogar para dependentes Don Orione tras daren positivo unha decena de persoas.

Polo demais, Cataluña segue sumando casos. Nas últimas 24 horas notificaron 955 positivos máis e 10 falecidos. Os focos que máis preocupan están na comarca barcelonesa do Vallés. A Generalitat comezou a facer cribados masivos con PCR, porta a porta, aos 9.000 veciños de barrios de Sabadell, Terrassa e Ripollet con alta incidencia de casos. Desde o inicio da pandemia, Cataluña leva acumulados 102.000 casos de coronavirus.

No sur peninsular, Andalucía experimentou tamén nos últimos días un aumento dos contaxios e tamén dos ingresos en hospitais. Segundo informou a Junta, 90 persoas están hoxe hospitalizadas, 14 na UCI. Esta mañá comezaron a facer probas PCR en Mojácar na busca de positivos relacionados cun gromo detectado en varios locais nocturnos de Almería.

Noticias web

05/08/2020