Aragón dá por controlado o rebrote detectado en 4 comarcas orientais
Os novos brotes detectados en varias zonas de España incrementan os temores a unha segunda onda da pandemia de coronavirus. Deixan dous falecidos e preto de 200 contaxios nas últimas 24 horas.
Os principais focos en activo, moi especialmente os que afectan 4 comarcas do oriente de Aragón, foron dados xa por controlados.
O Goberno aragonés dá por controlada a situación nas catro comarcas orientais afectadas por un brote de coronavirus con máis de 160 positivos.
O concello de Fraga, capital do Baixo Cinca, habilitou 50 prazas nun segundo polideportivo para acoller os traballadores non contaxiados que chegan á vila para empregarse nas explotacións agrícolas da zona.
Tamén están controlados os focos detectados nunha residencia de maiores de Lleida, nun centro de acollida de Málaga e nun hospital de Valladolid.
A Comunidade de Madrid prohibiu as visitas a 44 residencias de maiores ao rexistrarse novos casos de coronavirus, na súa maioría asintomáticos.
Ao principal aeroporto desta mesma comunidade chegaron, entre o 11 de maio e o 11 de xuño, 32 persoas contaxiadas de coronavirus, das que 5 tiveron que ser hospitalizadas.