CRTVG

Buscar

A Rioxa confínase e Aragón pecha perimetralmente Zaragoza, Huesca e Teruel

Publicado o 21/10/2020 15:42

O Goberno da Rioxa decretou o confinamento perimetral de toda a comunidade, salvo os desprazamentos para acudir ao centro laboral, por cuestións académicas, sanitarias ou atender a persoas dependentes, desde o vindeiro venres día 23 e ata o 7 de novembro.

Tamén pecharán os establecementos ás 21 horas, menos farmacias, supermercados e locais de servizo de comida a domicilio, segundo explicou a presidenta do Executivo rexional, Concha Andreu.

A Rioxa ten 1.296 casos activos de covid-19, 27 máis que na última xornada; hai 133 persoas ingresadas en centros hospitalarios (111 en planta e 22 na UCI), que son 21 máis, e 35 gromos activos, todos con orixe familiar. Andreu confía en que as limitacións horarias e de aforo acordadas resulten suficientes para conter a tendencia que está a ter a pandemia na Rioxa, que cualificou de "preocupante".

Aragón confina as súas capitais

Pola súa banda, o Goberno de Aragón decretou o confinamento perimetral de Zaragoza, Huesca e Teruel a partir desta medianoite polo elevado nivel de contaxios de coronavirus dos últimos días.

Aragón reportou este martes 740 novos casos de covid-19 correspondentes ao luns, o número máis alto de contaxios desde que comezou a pandemia, dos que 327 se diagnosticaron na capital aragonesa, 52 en Teruel e 51 en Huesca.

Preocupación en Cataluña

Continúan os cribados masivos en Cataluña, onde se rexistraron 4 mil novos casos e 31 falecidos máis nas últimas 24 horas. preocupan as UCI: xa está ao 80 por cento de ocupación.

Nos hospitais cataláns hai ingresados 1.440 enfermos por covid-19, dos que 243 están en módulos UCI.

Soben tamén a taxa de risco de repunta e a velocidade de reprodución da enfermidade.